Tuesday 30 de April de 2024

Feijóo destaca que desde 2009 a Xunta investiu máis en infraestruturas xudiciais que nos 13 anos anteriores: máis de 70 millóns en menos de 7 anos, fronte a 42 millóns en 13 anos


Resalta os logros acadados estes anos no eido da Xustiza, produto –afirma- da cooperación entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza, do entendemento da Administración autonómica coa local, e do diálogo fecundo cos colectivos xudiciais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que desde 2009 a Xunta investiu máis en infraestruturas xudiciais que nos 13 anos anteriores: “Foi un investimento de máis de 70 millóns de euros en menos de sete anos, fronte a un investimento de 42 millóns que se fixo nos 13 anos anteriores”, dixo, ao que engadiu que se se licita este ano o novo proxecto para Vigo “pasaríase xa a duplicar en sete anos o investimento dos 13 anteriores”.

Durante o acto de imposición ao Ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, da condecoración de procurador de honor, Feijóo referiuse aos logros acadados neste tempo no eido da Xustiza, produto –afirmou- da cooperación entre a Xunta e o Ministerio de Xustiza, do entendemento da Administración autonómica coa local, e do diálogo fecundo cos colectivos xudiciais.

Así, e nun primeiro termo, referiuse aos froitos do Plan de Infraestruturas Xudiciais, que nestes anos de crise económica concrétanse en: “Dedicar preto de un millóns de euros a dotar a cidade de Vigo dun inmoble en pleno Casco Vello dedicado ao servizo común de Notificacións e Embargos. Investir máis de dous millóns de euros na reforma do edificio xudicial da cidade de Ferrol. Levantar un novo edificio xudicial en Santiago de Compostela, cun custe de máis de tres millóns de euros. E, poñer en funcionamento unha infraestrutura xudicial de máis de 14.000 metros cadrados en Ourense cun investimento de máis de 18 millóns”.

Así mesmo, Feijóo referiuse tamén ao investimento de máis de 15 millóns de euros para reformar un edificio histórico da Coruña, a Fábrica de Tabacos, para ampliar nun 70% a superficie de uso xudicial na cidade. E, lembrou que xa se ten licitado o contrato para a construción dun edificio xudicial en Pontevedra, que suporá dedicar máis de 20 millóns de euros a unificar nunha infraestrutura todos os órganos xudiciais dispersos pola cidade.

O titular da Xunta resaltou, tamén, que o Plan de Infraestruturas Xudiciais permitiu comprometer orzamentariamente as anualidades para un investimento de máis de 24 millóns de euros destinados a unha Cidade da Xustiza en Vigo que, “tras varias vicisitudes procedimentais, chegamos a un consenso para instalar no edificio do antigo Hospital Xeral da cidade”.

“Houbo, por tanto, grandes obras pero tamén máis pequenas, con reformas de importancia nas infraestruturas xudiciais de Carballiño, Celanova, Viveiro, Redondela, Negreira ou Noia”, engadiu.

Plan Senda: máis de 23 millóns de euros para dotacións tecnolóxicas
No capítulo de dotacións tecnolóxicas, o presidente da Xunta incidiu en que o Plan Senda, que supón un investimento de máis de 23 millóns de euros, permitiu: dotar de conexión a internet de banda ancha ao 100% dos órganos xudiciais; renovar o 90% dos equipos informáticos dos xulgados; instalar máis de 120 sistemas de gravación dixital nas salas de vistas; e, implantar a aplicación LexNet no 100% dos órganos xudiciais, permitindo que nestes anos se enviasen en Galicia máis de 16 millóns de notificacións a través deste sistema.

Logo de felicitar ao homenaxeado, Feijóo concluíu a súa intervención anunciando a próxima firma dun Protocolo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que regulará as Comisións Mixtas, co fin de incluír entre as súas misións fundamentais o seguimento das incidencias que vaian xurdindo no proceso de modernización xudicial.